Thursday 25 de April de 2024

O Concello inicia os traballos de mellora no parque infantil de San Xaime, que duplicará a súa superficie ata máis de 120 metros cadrados


A zona de xogos, situada no barrio da Sagrada Familia, pasará a ter unha capacidade de 36 usuarios, 25 máis que na actualidade. Ademais, o firme de caucho renovarase integramente

O Concello da Coruña, a través do servizo de Infraestruturas, comezou esta semana os traballos de renovación no parque infantil de San Xaime, no barrio da Sagrada Familia, situado na contorna da igrexa de San Rosendo.

A intervención, enmarcada no Plan Integral de Mellora dos Parques Infantís impulsado polo Goberno de Inés Rey nos barrios da cidade, rematará no prazo dun mes e posibilitará que o parque infantil de San Xaime gañe espazos para os máis pequenos e pequenas, pasando a ter unha capacidade de 36 persoas usuarias, 25 máis con respecto á actualidade. Neste sentido, a superficie do parque ampliarase en 63 metros cadrados, duplicando a actual ata os 124.

Por outra banda, a área de xogos renovarase totalmente, con novas estruturas multixogo, un illote-rocódromo e outras estruturas orientadas a rapazas e rapaces de ata 14 anos.

Ademais, no contexto dos traballos de mellora acometerase tamén a substitución do actual pavimento de caucho por un totalmente novo, que engadirá cor e debuxos ao conxunto do parque.

San Xaime, tras Mosteiro de Cines e Lagoas
O Concello da Coruña, de acordo co Plan Integral de Mellora dos Parques Infantís, está a realizar actuacións para acondicionar e mellorar a accesibilidade nos parques da cidade. Ás obras na zona de xogos do parque infantil de San Xaime súmanse as actuacións xa rematadas a inicios de mes en Mosteiro de Cines e Lagoas.

Así, o Goberno de Inés Rey avanza no seu obxectivo de completar o Plan Integral de Mellora dos Parques Infantís, unha estratexia anunciada o pasado mes de xuño do 2021 pola alcaldesa para garantir o correcto mantemento destes espazos, así como as mellores condicións de accesibilidade ás nenas e nenos da cidade.